viernes, 29 de abril de 2011

O libro de fundacións XVIII

Decimo oitava fundación.

22 de setembro de 1669.

Despois de moitos anos Gregorio de Castrigo acude ante o notario Antonio López Rocha, da xurisdición da Maía e veciño de Guitiande nos Ánxeles, para fundar oito misas que deixara súa defunta nai María de Lago. Ésta había case trinta anos que morrera, pero tanto as herdanzas como as relacións cos seus medios irmáns, os Douteiro, quizais foran deixando as cousas sen acabar de facer.

Súa nai casara por primeira vez con Bieito de Sanmamed. A primeira muller de aquel, Dominga de Castrigo morrera nos primeiros anos do s. XVII. El era de Ames e semella que cando casou en segundas nupcias con María de Lago, natural de San Miguel de Boullón, non tiña descendencia. Sen embargo deste matrimonio houbo un fillo: Gregorio que había de nacer cara 1610. Sen embargo os poucos anos mórrelle o pai e súa nai casa de novo con Domingo Douteiro, manténdose no lugar de Castrigo. O novo matrimonio ten máis descendencia cos cales Gregorio preiteou varias veces polos bens de seu pai defunto tendo resultados dispares.

É precisamente agora en 1669, xa na súa idade madura, cando parece ter chegado a algún entendemento cos seus medios irmáns. Xa que comprométense a pagalas misas de fundación que deixara súa nai en testamento ala en 1640.




Deste xeito as misas vanse pagando alternativamente, entre os descendentes de Gregorio de Castrigo e os de Domingo de Outeiro, ata aproximadamente as primeiras décadas do século seguinte en que aparecen novas xentes como cumpridores desta memoria pía.

Quizais por arrendo ou subforo, ou simplemente porque os bens hipotecados perpetuamente foron vendidos, aparecen moitos veciños de Castrigo, Pedregal, principalmente como pagadores. Isto vémolo cara 1750 en que se fai un allanamiento da fundación, ou sexa un recoñecemento dos bens e as xentes que os levaban. Estes eran: “...Pedro de Loureiros, Maria de Vilanoba, Pedro Turreira, Domº Vidal, Antº Vidal, Domingo Calvo, Domº Martinez, Domingo de Ortoño, Domº Rodríguez, Domingo Turreira, Andres Codesso, Pedro López, vecinos de Sisto, Pedregal, Monte y Castrigo, y en el nombre de Frº Loureiros y Basilio Turreira ausentes. Bienes en: Agro de Talloiñas, cerrado de 4 ferrados; la posa y cotarelo de chavian, labradio y montesio de 3 ferrados; cortiña do sisto de un ferrado y medio...”

A fundación foi mantida polos descendentes de estes veciños o resto do s. XVIII. No XIX aparece Tiburcio Suárez, veciño do lugar do Casal, da que despois se deu en chamar a casa da Tiburcia, como pagador das oito misas.

Finalmente a fundación dezaoito ten unha advertencia na que nos di que a misa non se redimiu, que soamente se deixara de pagar a partir de 1828. Parece ser que o xenro de Tiburcio, Domingo de Castro, esquenceu aquela obriga.

martes, 26 de abril de 2011

O Libro de fundacións XVII

Decimo sétima fundación


3 de decembro de 1684.

Reunidos Alonso Douteiro, veciño de Bugallido e seu fillo Domingo no adro de Santa María dos Ánxeles por diante do notario Antonio López Rocha, fundan en 1684 unha misa rezada que lle mandara dicir Alberte Bravo, defunto e home que fora de Alberta González, veciños que foran de Ortoño, como herdeiro que fora del.

Esta é unha fundación feita nunha parroquia lindante a Ortoño por un feligres de outra, pero seguramente os bens hipotecados estaban no lugar de Punxeiras, xa que despois de estes dous veciños de Bugallido serán xentes de aquel lugar as que seguiran pagando esta fundación ata ben entrado o século XIX.

Hai que facer notar que na maior parte destas primeiras fundacións do libro, son obras pías feitas por veciños do entorno dos lugares das Punxeiras, ou alo menos alí se atopan os bens hipotecados para o pago perpetuo de aquelas obrigas. Nesta en particular repítense os mesmos pagadores que en outras que xa levamos consignado. En todas elas resoa nos antigos devanceiros o apelido González como o que se repite varias veces. Todo indica que todas aquelas xentes mantiñan lazos familiares antigos ca familia dos González da Condomiña, liñaxe de antigos fidalgos asentados naquel lugar da xurisdición da Maía e que mantiñan un relevante estatus social. De feito aqueles González eran os patróns de unha capela inclusa na parroquia a titulo de Santa Lucia, na que incluso tiñan dereito de enterramento, e da que xa falamos neste blog.

É posible que aquel interese dos devanceiros do s. XVII de mandar fundar obras pías non fose, ademais da devoción unha forma de imitación social ó tronco principal dos seus antepasados.

sábado, 23 de abril de 2011

Historia do Culto III

Cofradía do Rosario e dos Dolores.

A máis importante das cofradías antigas da parroquia de Ortoño era a de Nosa Señora do Rosario, que xunto ca das Dolores eran as únicas adicadas a Virxe. Foran fundadas na primeira metade do s. XVII, e despois de máis de 150 anos de existencia por separado fúndense en unha soa cofradía en 1808, chamada de Nosa Señora do Rosario e das Dolores. A isto hai que engadir que Nosa Señora do Rosario era a copatroa da parroquia xunto con San Xoán Bautista, e o súa devoción era moi grande.

En 1828 cando as dúas xa estaban fundidas en unha sabemos que os seus cofrades soamente podían ser matrimonios. Estes parece que non tiñan cota de entrada, pero anualmente pagaban dous reais. A cofradía facía tres funcións ó ano a cargo das aportacións dos fieis. Dúas eran ós Dolores, unha por coáresma e outra por setembro, e a outra era ó Rosario no seu día.

Nosa Señora do Rosario da parroquia de Ortoño.


Pódese pensar que case que todos os matrimonios da parroquia debían ser cofrades, e incluso outros de outras veciñas. Isto dedúcese o comprobalas súas contas, xa que a principios do s. XVIII estas eran moito máis grandes que as da mesma fabrica da Igrexa. Hai que ter en conta que dende 1696 ata 1719, Ortoño estivo sumido en obras de adecentamento e engrandecemento de todo o seu conxunto parroquial, especialmente a igrexa. Pois ben, grande parte destas, que supuxeron un grandísimo esforzo, foron financiadas por esta cofradía, que tiña poder para manter as súas constitucións e para máis.

Tal era o seu poder económico que incluso dispoñía de cóntante para organizar unha comida para todos os cofrades unha vez ó ano. Nela non se reparaba en gastos, xa que se facía acopio de “pan, vino y carne” para tal evento. Sen embargo, como non se mediran moito as cantidades de viño que se consumían, o resultado non era moi acorde cos fins da dita cofradía. De tal xeito que en 1708 D. Joseph Antonio Jaspe Montenegro Bispo de Prizren (1) e Provisor do arcebispado de Santiago, en visita pastoral ordea prohibilo xantar con pena de excomunión e costas de 20 ducados á caixa da cofradía a quen persistise, debido ós grandes desmáns e altercados que despois da festa había.
No século XIX mantén unha influencia moi grande na vida relixiosa e de piedade parroquial, xa que é a que mantén a costume de saír en procesión cas súas imaxes ó redor da igrexa, a lo menos un domingo ó mes. A derradeira parte da historia de esta e das demais cofradías que había na parroquia de Ortoño, ó igual que en outras parroquias, foi discorrendo ó longo da primeira metade do s. XX. Debido as tensións sociais, ós cambios xeneracionais e outras circunstancias foron esmorecendo, de xeito que a derradeira entrada nos seus libros data de 1950.

(1) D. Joseph Antonio Jaspe Montenegro (1652-1715) natural da cidade da Coruña, foi un gran xurista da época barroca en Galicia. Foi nomeado o 18-V-1705, dende o seu posto de Lectoral de Canones, a Bispo titular de Prisriana no Novo Epiro, hoxe Prizren en Kosovo, Chantre dignidade da Santa Apostólica e Metropolitana Igrexa de Santiago, Provisor e bispo auxiliar do arcebispado polo arcebispo D. Antonio Monrroy. Cando a vida diocesana de una diocese e tan dilatada que o seu bispo ou arcebispo non a pode atender toda ordéanse bispos auxiliares. Pero como estes teñen que ter diocese propia ordéanse a titulo de unha na que non se poidan establecer por causas políticas ou relixiosas.

jueves, 21 de abril de 2011

A parroquia III

Os límites verdadeiros de Ortoño.


Como viñemos contando en outros artigos, a cartografía parroquial hoxe en día deixa moito que desexar.
Deste xeito podemos facer unha critica moi sinxela ós máis avanzados estudios nesta materia que se poden encontrar na mesma rede, e que proveñen, como xa dixemos, do SITGA.

O SITGA emprega distinta información, sendo a descrición da parroquia feita no catastro do marques da Ensenada a mediados do s. XVIII unha das que valora máis. Sen embargo tal descrición dos seus límites, a lo menos no caso de Ortoño resulta tan sinxela e esquemática que non ten utilidade. Esta é:

Que el territorio que ocupa la dha fra de san Juan de Orttoño es de L. (levante) a P. (poniente) una legua, y de N. (norte) a M. (mediodia) ottra, y en circunferencia tiene algo mas que tres leguas, o camino de seis oras, por el L. Confina con las fras de San Pedro de Bugallido y parte de la de Santa Maria de biduido por el P. Con las de Santa Maria de Angeles y San Salvador de basttavales, N con la de San esttevan de Covas y M. San Julian de Bastavales, que dha fra esta sittuada en un valle por el que corre el dho rrio de Sarela por un estremo acial P. del qual salen algunos Cauces que fertilizan partte de dha fra cuia figura es la del margen.”(1) ( Año 1752).

Aínda así este organismo tenlle posto límites a parroquia de Ortoño, como a todas as parroquias de Galicia. No caso de Ortoño é obvio que a descrición anterior non lle sírveo e por tanto seguramente rodeou con unha liña as entidades de poboación de Ortoño, trazando deste xeito diversos trazos que non reflexan para nada a cartografía parroquial.



Parte norte da parroquia de Ortoño, tal é como esta trazado polo SITGA.

Desta volta mostramos esta división sobre as ortofotos de 2003, tal e como a mostra na súa paxina o SITGA. A parroquia esta definida polos límites municipais (liña laranxa) ó oeste onde linda co concello de Brión a través das parroquias de Bastavales, Ánxeles e Brión, e un anaco pequeno ó nordeste onde o fai co concello de Santiago a través da súa parroquia de Villestro. Estes límites, ó seren municipais e manterse consolidados dende o s. XIX, son, salvo excepcións, practicamente os correctos nesas zonas. Sen embargo no resto, ó norte lindando ca parroquia de Cobas, do mesmo concello, e o leste ca de Bugallido, a liña verde é curiosamente máis dereita e non ten tantos accidentes coma a municipal, signo de aleatoriedade e de criterio difuso a hora de trazala. Vexámola.

A liña verde do norte que limita con Cobas é totalmente errónea, xa que deixa ó norte dela fincas de concentración parcelaria da parroquia de Ortoño, sexa no lugar de Castrigo así como no de Bertamiráns no paraxe de Agro Horto, hoxe ocupado pola autovía. Seguindo a mesma liña cara o leste e atravesando o río dos Pasos ou de Covas, indícanos que non coñece os límites dos agros antigos de Codesido e Lamas que eran do Conde de Altamira e anexos a Bertamiráns, e que marcaban tamén o límite con Cobas. E finalmente a liña verde segue impasible e corta Aldea Nova en dous anacos, sen saber que esta urbanización foi feita no monte aberto do lugar de Lapido, pertencente a Ortoño. Isto no norte, xa que no leste os erros soen ser de vulto.

 

Metade sur da parroquia de Ortoño, no SITGA.
Na fotografía inferior vemos a liña central verde que ascende un pouco ladeada cara o leste. Esta parte de unha esquina da cartografía municipal, que é precisamente errónea en canto a parroquial. Debería arrancar do vértice oposto situado o leste e continuar polo camiño cara ó nordeste. Deste xeito mantería as Chaias, de arriba e de abaixo, e o Monte Maior, como parte do lugar de Ortoño, pertencente a parroquia do mesmo nome e non como o ten agora que llo adxudica a Bugallido. Saber isto era tan doado como consultar a cartografía do catastro, xa que a parroquia de Bugallido ten feito a súa concentración do monte e a de Ortoño non, aparecendo inmediatamente a liña de división entre ambas. A mesma fonte sirve para amañar o enorme erro da parte nordeste, onde o SITGA engade para Ortoño terreos de monte onde hoxe esta construído o novo cemiterio municipal. Se nos fixamos todos aqueles terreos foron recentemente concentrados, sendo por tanto da parroquia de Bugallido. Isto tamén nos axuda a ver que o cemiterio non esta nin en Bertamiráns, nin en Aldea Nova nin no monte de Lapido. Non é de Ortoño, é de Bugallido.


(1) A figura do marxe a que se refire non é máis que unha liña cerrada ondulante, sen ningunha outra referencia.

martes, 19 de abril de 2011

Historia do Culto II

As cofradías.


A principios do s. XIX había na parroquia de Ortoño cinco cofradías relixiosas. En realidade xa eran ven vellas, pero foi daquela por mor da pesquisa dende Palacio, pola que nos chegou novas interesantes de estas agrupacións de fieis.

As cofradías foron incentivadas polo concilio de Trento como un bo instrumento para a catequización e evanxelización, xa que moitos estratos da sociedade en aqueles tempos eran analfabetos. Estas eran agrupacións de fieis que mediante unha aportación anual axudaban a manter unha serie de actos litúrxicos e piadosos sostendo deste xeito a vida espiritual parroquial.

A cofradía máis importante e tamén a que máis cedo se implantou en todas as parroquias foi a do Santísimo Sacramento. En Ortoño o seu primeiro libro data de comezos da década dos 30 do s. XVII. A súa función máis importante, era de dar culto e a de axudar a manter decentemente o sagrario, para o cal pagaba o custe da súa lampara día e noite. Para acceder como cofrade facíase por matrimonio, e entrabase con 8 reais, máis dous cada ano. Con estes fondos ademais de manter acesa a lampara do sagrario, pagábase a función ó Santísimo Sacramento.

Outra cofradía era a das Benditas Animas, a cal accedíase por veciño, ou sexa por cabeza de familia. A entrada na cofradía custaba 5 reais, e logo tiña unha cota de 1 por ano. Cos seus fondos facía cinco aniversarios xerais polos defuntos da parroquia ó longo do ano.

San Antonio Abade de Ortoño.
Outra cofradía era a de San Roque. En realidade na súa fundación en 1696 tamén incluía a San Antonio de Padua. De todos os xeitos en 1828, soamente facía a función de San Roque, pagando ademais ó xantar ós curas que participaran e máis a cera da igrexa. Entraban nela os matrimonios, pero non tiña unha taxa de entrada, sendo a súa aportación anual de un real.

A cofradía de San Antonio Abade, patrón dos animais, tiña tamén soamente un real de taxa anual. Entraban nela soamente os matrimonios, e do mesmo xeito que a de San Roque, adiábase a dispoñer e pagar a festa do seu santo.

Por último, atopábase a máis importante de todas, a da Nosa Señora do Rosario e das Dolores.

sábado, 16 de abril de 2011

O Libro de Fundacións XVI

Décimo sexta fundación

 
5 de xaneiro de 1682.

En 1682 un tal Alberte Trenco, veciño da parroquia de Ortoño, hipoteca a súa casa para pagar perpetuamente unha misa pola anima de María Pérez, a nai da súa muller.

Alberte Trenco paga a misa por San Xoán durante trinta anos, pero o longo deste tempo, non se encontraron datos que nos desen máis detalles desta familia. Sabemos, iso si, que os Trenco debían ter o seu fogar materno no lugar de Mourigade, na veciña parroquia de Bugallido, e que este apelido ven a significar coxo. É por tanto un apelido descritivo da persoa, ó igual que outros como Cao ou Calvo. Sen embargo o sentido e significado del xa se perdera.

Este Alberte Trenco puido ter vido de Bugallido a casar a Ortoño, e quizais máis concretamente as Punxeiras, xa que de alí é de onde é Pedro Álvarez o mozo que foi o que empezou a pagar despois de Alberte. Ó final do s. XVIII a fundación xa pasara ós Vilanova da Punxeira de abaixo, e finalmente no seguinte século deixouna de pagar María Antonia Álvarez. Quizais aquela familia dos Trenco non perpetuase unha liña de descendentes no lugar e os bens hipotecados en 1682 fosen cambiando de propietario, ca obriga, iso si, de facerlle unha misa todos os anos por San Xoán pola alma de aquela María Pérez.

miércoles, 13 de abril de 2011

A parroquia II

A dualidade parroquial.



A parroquia civil, é un concepto tirado da previa idea de comunidade que formaba unha igrexa cristián, condicionada a un territorio que tiña os seus limites trazados dende moi antigo. Sen embargo, no pasado non existía a dicotomía entre comunidade parroquial estritamente falando, ou sexa de fieis, e conxunto de veciños que constituía un modelo organizativo e administrativo dos asuntos públicos. Hoxe en día, cando o elemento relixioso non é un neso de unión de toda a poboación, como o era no pasado ou noutras sociedades como é por exemplo aínda agora o mundo árabe, intentase facer unha separación das "dúas" parroquias. Unha situación que as máis das veces racha ca evolución normal que tiña, xa que ambas facetas, tanto a relixiosa como a social e administrativa desenrolábanse no mesmo marco físico e poboacional.

Cruz antefixa de Ortoño. É, sen dubida, o elemento máis antigo do conxunto parroquial, e que recorda o seu elemento cristián.

 
E isto lévanos a considerar hoxe a idea de parroquia entre precisamente os parroquianos, como habitantes delas. Actualmente esténdense ideas moi peregrinas sobre estes conceptos. Moita xente cree que os templos parroquiais, así como os seus adros, cemiterios, casas reitorais e hortas pertecen a parroquia, ou sexa ó pobo ou conxunto de veciños que habitan a parroquia, e si se acomete algún cambio neles que non gusta é cando se expresa chamativamente o malestar cara os administradores ou ministros da Igrexa, ou sexa ós párrocos, como un estamento que quere monopolizar ditos eidos. E nada máis lonxe da realidade.

Eses mesmos bens da igrexa parroquial, son para o uso dos fieis da parroquia, e están encomendados a súa administración ó cura polo seu xefe o bispo de turno. Son por tanto para os cristiáns, e son por tanto os seus guías espirituais os que miran por eles para o seu mellor emprego por estes. Anque isto non quita que se poidan empregar mal: errare humanum est.

Desta forma si nun día futuro deixase de haber cristiáns habitando os límites da parroquia, a Igrexa diocesana podería dispoñer deles para enaxenalos e empregar o que se dese por eses bens en outras comunidades parroquiais de cristiáns, ou para outros fins benéficos da Igrexa.

E agora ben o mellor: non significa que non haber cristiáns na parroquia sexa idéntico a que non viva ninguén nela. Pode ser un lugar moi poboado de persoas de outras relixións, de agnósticos ou ateos. Pero si non hai cristiáns para que se quere unha igrexa cristián. Seguramente poderá ser comprada polas administracións publicas, como o concello ou outras entidades e facer dela un museo, por exemplo.

Hoxe en día estas posibilidades son plausibles, xa que aumentou moito o número de veciños de múltiple condición e credo. Si a isto engadimos que moitos cristiáns, anque bautizados fóronse alonxando da Igrexa, e manteñen plantexamentos enfrontados co sentir desta, as verdadeiras comunidades de crentes van diminuíndo.
Por iso, moitas veces, é case xocoso que veciños moi parroquianos pero alonxados por un abismo da Igrexa, poñan o berro no ceo por algunha cousa da vida cristián parroquial. Lonxe quedaron os tempos do nacional-catolicismo, onde todo o mundo era cristián a forza, e quizais hoxe aínda hai moita xente que non se dou de conta. Se un non quere nada ca Igrexa despois non pode ir a criticar o que fai de portas a dentro. Pero como se di, o falar non ten cancelas.

sábado, 9 de abril de 2011

O libro de fundacións XV

Decimo quinta fundación

 
26 de xaneiro de 1682

 
De novo un veciño das Punxeiras, desta volta chamado Alonso Vidal, funda unha misa por San Xoán a intención do seu irmán Alberte. Para iso hipoteca os seus bens no Outeiro, feligresía de Santa María de Ánxeles, a antiga Santa María de Perros, de onde eran seus pais Domingo e María de Lago.

Como se pode ver non soamente son hipotecados bens na parroquia de Ortoño en pago de misas de fundación. A xente avala os seus compromisos con propiedades que non teñen porque estar dentro da parroquia.

Esta é unha circunstancia interesante, xa que en outros eidos como son os dominios antigos e as súas xurisdición, tamén se vislumbra unha certa maraña e diversidade no trazado dos territorios.

A fundación pagouse ata entrado o século XIX, por esta familia que co paso do tempo mudou o seu apelido no de Cobas; Os Cobas da Punxeira de abaixo. Hai que ter en conta que aquel Alonso Vidal da Punxeira, xa aparece no tronco de outra familia a da decima fundación, da que falamos que gardaba tamén relación ca casa do Castro e a familia Martinez Viojo.

lunes, 4 de abril de 2011

A parroquia I

Despois de xa máis de 170 artigos e case tres anos de “Historia de Ortoño e a Maía” abordamos a definición do eido no que nos movemos: ¿que se entende por parroquia?

Orixe

En realidade parroquia, do latín parochia, e este do grego παροικία –habitar cerca- é a división territorial das igrexas cristiáns. O seu nome deriva do sacerdote ó que lle he encomendada a súa cura de almas chamado párroco. Aínda que poden existir parroquias non delimitadas polo seu territorio senón por particularidades das súas comunidades, como parroquias para xordos ou universitarios, pero xeralmente as parroquias defínense polo seu territorio. Ou sexa, pertencen á parroquia todos os fieis que habiten dentro dos límites territoriais da parroquia; ó igual que outra unidade do territorio como o concello ou a provincia.
Contabamos en outras entradas, como a parroquia podería ter chegado a formarse a partir das antigas vilas romanas do baixo imperio e da alta idade media. Estas comprendían uns dilatados terreos adicados a agricultura que lle eran afins. Co paso do tempo e da cristianización, os oratorios familiares pasarían a ser pequenos templos onde se reunían os donos e os seus servos. Desta forma aquelas extensas propiedades foron as unidades das primeiras comunidades parroquiais, xa que non había sentido en buscar novas divisións do territorio, tendo en conta que tamén tiñan o elemento aglutinador de pertenza a un grupo.

Deste xeito, grupos de habitantes, xa aglutinados previamente pola pertenza a unha unidade do territorio, neste caso unha propiedade, tamén se constituían en grupo tanto no plano relixioso como no comunitario e social. Estas características vanse reforzando a través dos séculos e do conseguinte aumento de poboación, creando unha entidade de pertenza sólida, reforzando así tamén os seus límites a través da tradición.

Territorio.

Sen embargo se fosemos a buscar os límites de unha determinada parroquia, por exemplo ó arquivo parroquial, ou o diocesano seríanos practicamente imposibles de atopar. E aínda así teñen limites moi ben definidos. A razón de isto é moi sinxela, debese as súas dúas particularidades enlazadas: a súa grande antiguedade e a que a delimitación permaneceu en grande medida atesourada na tradición. Cousa esta última que non impide atopar documentos onde se citan limites parroquiais, pero sempre suxeitos as súas correctas descricións ó bagaxe da tradición.


Mapa das parroquias na comarca da Maía. Como se pode apreciar moitos dos seus límites son sinuosas liñas que non teñen en conta, nin vías de comunicación,  nin propiedades, nin accidentes xeográficos etc, o que nos indica os baixos requirimentos empregados para elaborala súa cartografía (caso de Ortoño). Se temos en conta que a fonte é a mesma Xunta de Galicia a través do SITGA (Infraestrutura de Datos de Galicia) e este mapa esta actualizado a 2011, facémonos unha idea de como esta este eido na actualidade.
Por norma xeral no paso do antigo réxime a actual división do territorio colleu a parroquia como unidade de formación dos concellos. Hai excepcións a esta norma, nas que en determinado termo se tomaron como límites accidentes xeográficos, ou propiedades de grandes dominios que dividían as parroquias. Exemplos son San Ándres da Barciela, entre os concellos de Oroso e Santiago, e que esta partida polo río Tambre. Así mesmo, nos novos límites entre concellos houbo modificacións debidas ó interese de pequenos propietarios que tentaron atraer as súas parcelas cara o concello onde habitaban, deixando de ser idénticos os limites entre concellos e parroquias. Exemplos estes dos que xa falamos anteriormente. Esta particularidade non a hai que ir a buscar ó pasado xa que hoxe en día séguese a producir. Hai novas vivendas edificadas o carón de limites municipais que se serven a través do concello veciño, e ó concello veciño tributan e a el se adiren, paradoxicamente non estando nel. Exemplos deste tipo hainos en Ortoño.

A grande ruptura do pasado co presente é precisamente que hoxe a parroquia non esta recoñecida xuridicamente e por tanto non ten uns límites oficiais, anque o Estatuto de Galicia prevé podela recoñecer mediante lei. Desta forma soamente os límites municipais son os que se recoñecen e se plasman na cartografía en detrimento dos parroquiais que vanse esquencendo e difuminando pouco a pouco. Deste xeito é a Igrexa a que, a través da persistencia da súa propia división territorial das comunidades locais, ven sendo a institución que máis respecta a tradición de séculos sendo a máis fidedigna historicamente.

Hoxe en día dende a universidade ou dende a administración autonómica tentase plasmar a cartografía parroquial de Galicia, habida conta da importancia da parroquia como vertebradora do territorio, da cultura e a tradición. Pero as máis da veces semella ser este un traballo moi ambicioso xa que os métodos e a información empregada soen ser moi escasa. Tanto é así que sospeitamos que moitas parroquias, entre elas Ortoño, sonlle trazados os límites encerrando con unha liña as entidades de poboación que a parroquia ten. O resultado son liñas sinuosas empregando a mínima información, que soamente nos da un resultado moi difuso.
Pero o fin e o cabo este punto de vista é o que se impón e acabara impoñendo definitivamente, xa que a perda de moita información gardada na tradición oral, desembocara claramente no recoñecemento das entidades de poboación, e non do territorio propiamente dito. Esto mesmo será cada vez máis palpable a medida que a morfoloxía do terreo mude e vaia perdendo as referencias do pasado