miércoles, 30 de junio de 2010

Persoas orixinarias de Ortoño

As orixes amaenses da familia de Andrés Quintana Roo, de México.

Como fixemos en outras ocasións, traemos hoxe unhas notas sobre persoas naturais de Ortoño, que emigraron e acadaron proveito en outras latitudes.
Desta volta referirémonos a Andrés Quíntana Roo, nado un día de San Andrés de 1787 na cidade de Mérida, en México, e morto na de México en 1851. Foi un político mexicano que loitou pola independencia de México de España a principios do s. XIX e que acadou elevados postos de responsabilidade no goberno de aquela nova nación .De tal xeito que a súa memoria foi honrada poñéndolle os seus apelidos a un estado na península de Iucatán: o estado de Quintana Roo.


Andres Quintana Roo (1787-1851 México) O seu avo era de Ortoño

Era fillo de D. José Matías Quíntana, natural de Mérida e de Dona Ana Roo da Vila e Porto de San Francisco de Cámpeche. Esta era filla de D. Antonio Roo y Font, natural da Illa de Tenerife e de Dona Leonarda Rodríguez de la Gala, tamén de Cámpeche. Hai que notar que o apelido Roo ten dúas orixes posibles, unha holandesa, moi pouco probable para habitantes de Tenerife, e outra galega, xa que hai dúas parroquias con ese nome: Santa María de Roo en Noia, e San Xoán de Roo en Serra de Outes.
Pero a nova interesante surxe cando compróbamos a ascendencia paterna. Andrés era neto de D. Gregorio Quíntana e de Dona Martina Tomasa de Campo, esta oriúnda de Cámpeche. D. Gregorio era natural da parroquia de San Xoán de Ortoño no reino de Galicia, e acadou postos de responsabilidade na provincia de Mérida. Fora xuíz ordinario subdelegado do partido de Sierra Alta y Baja da provincia, capitán de guerra da costa e procurador xeral síndico da cidade. Cargos semellantes tiñan o seu consogro D. Antonio e o seu fillo D. José Matías chegando este a ser tamén alcalde de Mérida.
Sen embargo non dimos atopado en Ortoño ningunha referencia o apelido Quíntana na primeira metade do século XVIII polo que quizais esta familia se tratase de burgueses acomodados de Santiago que tiñan casa ou bens na parroquia, ou fose de Ortoño a nai do capitán D. Gregorio, da cal non temos ningún dato.
De tódolos xeitos, ó igual que dixemos para outros feligreses de Ortoño como Marcos de Pardiñas Villardefrancos, que no s. XVII emigrou na busca de fortuna, outros como os Quíntana tamén acadaron unha posición predominante nos lugares onde se asentaron, e incluso os seus descendentes souberon afianzala nos cambios políticos.

viernes, 25 de junio de 2010

Medidas de capacidade e superficie antigas


A medida de capacidade por antonomasia, non só da nosa comarca, se non de Galicia é e foi o ferrado.
Esta unidade como xa indicamos en outra entrada, víñase materializada na caixa de madeira de castaño, con forma de trapecio, que contiña pouco máis de 16 litros de capacidade, e ca que media o grao das rendas. Este volume de grao de centeo, ou de pan como se chamaba nos foros, tamén se empregaba para definir outra magnitude: a superficie.
Un ferrado, era a area na que se sementaba un ferrado de grao de centeo. Así, un ferrado na nosa bisbarra era aproximadamente 630 m2. O ferrado tiña os seus múltiplos que o eran entre outros a rapada que equivalía a tres ferrados. A rapada foi moi empregada no s. XVI e despois deixouse de empregar. A oitava foino sobre todo no s. XV e eran catro ferrados. O maior múltiplo foino a carga que viñan a ser 12 ferrados. Parece que se debía corresponder ó que un carro podería transportar, xa que os documentos antigos falan de cargas de moitas cousas, incluso de determinados peixes nos portos de mar.
A metade de una carga era una anega, e ámbalas dúas medidas a finais do s. XVI estaban igualadas cas que se tiñan de referencia na cidade de Avila. O ferrado tamén tiña divisores. O máis coñecido deles, empregado ata hoxe é o cuartillo, que ven sendo a vintecatroava parte, uns 26,26 m2. En outras comarcas de Galicia empregase tamén a cunca que é a doceava parte, ou sexa dúas veces o cuartillo.
Pero antigamente aínda había outro divisor, que quizais fose tido por unidade en algún tempo, referímonos a millaria. Temos constancia de esta unidade polas dereituras eclesiásticas aparecidas nos apeos do s. XVI, como as catro millarias que tiña a igrexa de Ortoño no lugar de Ortoño na cortiña do Loureiro, que viñan sendo un ferrado. Deducimos que a millaria era a cuarta parte do ferrado.


Podedes ver outras medidas de capacidade, superficie e outras magnitudes na seguinte paxina.

jueves, 17 de junio de 2010

Ortoño en Wikimapia

Xa están trazados os límites aproximados da parroquia de Ortoño en Wikimapia. Ó principio iniciamos esta aventura intentando representar os territorios dos lugares da parroquia e chegamos a debuxar os límites das Cortes, Sisalde, Carballido, Castrigo, e tentarámolo con Pedregal e Bertamiráns. Pero disque tecnicamente en wikimapia e legalmente en Galicia non se recoñecen máis que os núcleos habitados como lugares, exentos dos seus territorios. Entón ¿ qué haberá entre as casas de Castrigo, por exemplo e as de Pedregal?, ou ¿Entre as de Sisalde e as das Cortes? Será a nada, haberá piñeiros e algún carballo, e tamén algún chalet illado; e neste caso ¿a cal lugar pertencería, e cal sería a súa dirección?
Por iso non podemos máis que trazar os límites parroquiais, que é a entidade territorial máis pequena que actualmente se recoñece. De todas formas, aínda que non poidamos trazar os lugares en wikimapia, seguiremos difundindo a través da cartografía que publicamos a verdadeira forma, que tiña o territorio parroquial, de que lugares eran os agros e as tenzas, e tamén que tiñan os seus dominios neles, e sobre todo proporcionando a documentación na que se basea todo este estudio.

martes, 15 de junio de 2010

Historia dos párrocos de Ortoño III

O século XIX

En 1797 entra como párroco en Ortoño, en substitución de D. Simón Antonio de Lago D Vicente Duran e Varela, que ó igual que o seu predecesor trouxo a súa familia a vivir a casa rectoral. O seu nome completo era Vicente María Juan José, e nacera en maio de 1763 na parroquia compostelán de San Miguel dos Agros. Viña de unha familia de renome, xa que seus pais eran D. Ramón Durán avogado da Real Audiencia de Galicia e Dª María Bernarda Varela. Seus avós paternos foran o notario compostelán D. Joseph Duran e Acuña, natural de Santiago de Tortoreos no bispado de Tui e a súa avoa paterna o era Dª Josepha Ventura de Pazos y Figueroa, a cal tiña ascendentes e bens no lugar da Condomiña.




Tocoulle a D. Vicente vivir como párroco en Ortoño grandes acontecementos de aquel entón como foi a guerra de independencia da que ó parecer non houbo moitas incidencias na nosa parroquia. Morreu este párroco en 1826 sendo relevado por D. Bernardo Zerezuelo, do que non temos dados algúns da súa procedencia. Sen embargo nos anos nos que estivo D. Bernardo debeu afrontar reformas importantes, como foron o traslado do cemiterio de dentro da igrexa parroquial ó adro da mesma, e sobre todo o final das máis de 40 fundacións de misas e obrigacións que existían por antigos mandas testamentarias e que por mor de conflictos cos dominios dos bens hipotecados e dos novos propietarios de estes tivéronse que redimir de tal xeito que viñeron a dar nos actos xerais de defuntos.
O convulso século XIX en España trouxo consigo as guerras carlistas e a desamortización de moitos bens da igrexa, sucesos que tivo que lidar como párroco D. Bernardo. E o caso é que todos estes problemas viñeron a deixar unha penosa situación para a parroquia a morte de Zerezuelo en 1842 e despois o longo do período de economato de Frei Antonio de Vilacoba.




Así en 1846 cando entra o novo párroco D. Manuel de Santos encontrase que dentro da igrexa chovía coma fora. Con bo criterio arranxa toda a cuberta pero a costa de moitos desgustos e de poñer cartos do seu peto. Entre os primeiros esta que o fabriqueiro parroquial, unha especie de tesoureiro, e o mordomo pedáneo, unha especie de concellal teñen apropiados os cartos da igrexa, e sobre todo a prata que se agochara durante a guerra carlista para que non fose requisada, e que viñan sendo doazón de D. Ignacio Antonio Seares.
Despois de moitas penas e traballos, de soportar ata sabotaxes nas obras, secuestro das tellas e outras iniquidades conclúe a reparación.
Polos seus escritos, ben se podería pensar que D. Manuel quedou farto de obras, e así foi por un tempo, en principio por falta tamén de caudais. En 1848 pide a palacio arranxar a igrexa a cargo da prata e das aportacións dos veciños, xa que a igrexa ten a porta tapiada por mor dunha grande fenda e que se sirve de dúas portas traveseiras. Despois de moitos impedimentos e controversias consígueo tapiando unha porta que había pegada as escaleiras do campanario, e consegue reconstruír a torre, e abrir a porta grande.
Tamén cara 1858 refai o cruceiro da igrexa dotándoo de unha cúpula de media laranxa, obra que saíu por un ollo xa que a parroquia arrastrou débedas durante anos.
D. Manuel de Santos morre en 1868 sucedéndoo un ano como ecónomo D. Manuel Antonio Vilacoba, que vendo o ambiente non quixo entrar na rectoral ata que un perito con testemuñas e notario levantase acta e inventario dos desperfectos. O ano seguinte 1869, por presentación do duque de Sesa, rexente en aquel entón en España, foi promovido a párroco D. Bernardo Crespo Varela, que tivo a suficiente man esquerda como para amortizar a débeda parroquial, e seguir consolidando melloras no templo. Exerceu o seu ministerio ata a súa morte en 1894.

martes, 8 de junio de 2010

Restos de ceramica romana



Ven sendo moi corrente na xeografía galega encontrar restos arqueolóxicos da época romana. Sen embargo hoxe imos facer un repaso dos restos de cerámica atopados en diversos lugares da nosa parroquia e no val da Maía.
Como se contou en outras entradas, en Ortoño, e en xeral na bisbarra, tivo que haber unha forte presencia romana dende os mesmos inicios do imperio, case ó tempo da conquista ala polos anos do primeiro emperador Octavio Augusto, no século I a. d. C., a vista do tesouro de moedas que se atoparon no lugar de Maguxe. Tamén vimos que as igrexas foron nun inicio oratorios de unha vila romana, e que a arquitectura de estas vilas rachou cas formas e estructuras prerromanas traendo novas técnicas constructivas.
Así ademais do tesouro de Ortoño, encontráronse os restos de unha suntuosa vila romana en Cirro, en San Salvador de Bastavales, e unha ara votiva de un lexionario licenciado da Legio VII gemina no lugar de Vilar en Ames.

De esta época, os restos máis significativos, e o tempo máis concluíntes son os derivados das cubertas de cerámica. Nin antes, nin tampouco despois se tellaron os tellados da forma en que se fixo en aquel entón. Empregábanse grandes tegulae, que consistían en canles planas de barro cocido. Estas dispóñanse nos tellados de forma paralela e cubertas por un imbrice, que viña sendo unha tella como as que hoxe coñecemos. Hoxe non quedan máis que anacos de aquelas pezas, pero son inconfundibles non soamente polo seu material, grosor, e tamaño, senón pola inconfundible forma da súa pestana.


Ceramica romana atopada en Ortoño

Así podemos mostrar varios anacos de tegulas encontrados nas inmediacións da igrexa parroquial. Tamén mostramos varios ladrillos feitos con restos de tegulas rotas. Este método de reutilización xo utilizaban o romanos para darlle máis dureza a pezas resultantes.
Tamén temos encontrado restos de ladrillos oculados, quizais procedentes de pezas de un hipocaustum ou sistema de calefacción por solo radiante. Tanto tegulas como sobre todo os ladrillos de varios tipos témolos encontrado profusamente en un lugar onde hai unha fonte natural e no que parecen restos de covas na terra. Quizais se tratase dos restos de un antigo forno de cerámica.
Outra curiosidade, ven sendo que a cerámica era firmada ou sellada polo seu fabricante. E tivemos a sorte de encontrar un anaco ca que parece a unha de estas marcas. Tratase de un anaco con unha P de uns 4 cm atopado cerca da igrexa parroquial de Ortoño

miércoles, 2 de junio de 2010

Historia dos párrocos de Ortoño II

Século XVIII

O derradeiro párroco de Ortoño do século XVII foino D. Pedro Freire de Andade que morreu no ano 1704, como xa se indicou. Sucedeuno xa no mesmo ano, sen ningún período provisional, D. Antonio Ignacio Searez. Non sabemos nada certo da súa procedencia, pero o máis seguro é que fose de Searez en Ames, e posiblemente da familia dos García de Seares, que tamén saíron de ese lugar, e que acabarían emparentados ca familia materna de Rosalía de Castro.
Antonio Ignacio Seares entrou na parroquia no medio das obras de reconstrucción e alargamento da Igrexa que el mesmo tivo que supervisar e rematar en 1719. Ademais de eso, tamén obrou na casa rectoral cara 1712, aumentándolle seguramente toda a ala nordeste, a que se chama do penal. En 1727 debeuse repintar o altar maior, que seguramente era o que a igrexa tiña xa no s. XVII. Recuperadas as contas da fabrica do déficit que supuxeron as obras da igrexa, en 1739 dispúxose a reconstruír a antiga sancristía, pola que ata hoxe chegou, o que supuxo outro gran descargo para as arcas parroquiais. D. Antonio Ignacio Seares estibo ó fronte da parroquia ata 1754 ano da súa morte. Durante os seus 50 anos de ministerio, rematou a reconstrucción da igrexa parroquial, o alargamento da casa rectoral, e moitas outras obras no interior do templo, de xeito que do seu tempo ven sendo, con algunhas modificacións, o aspecto do conxunto parroquial. Ademais desto D Antonio foi un espléndido mecenas e protector parroquial pois nos anos que estivo na parroquia dooulle varias pezas de prata sobredourada como son un viril, un cáliz , un copón, candelabros etc, e as imaxes de 7 santos entre as que están o San Xoán que sae nas procesións, e a Nosa Señora co neno en brazos. Todo este patrimonio e melloras seguramente foron a cargo das rendas que a el lle correspondían polo beneficio parroquial, e que non dubidou en dispoñer delas en pro do beneficio da comunidade.
Á morte de D. Antonio Ignacio Seares, toma o seu relevo un ecónomo ou administrador que o foi D. Andrés Montero Fernández, que continuou as melloras na igrexa, reconstruíndo dous altares colaterais e dotándoos cas súas imaxes, ademais de outras cousas.
D. Andrés estivo 5 anos, sendo sustituido por un novo párroco. Párroco que non era cura aínda, e polo que tiña que pagarlle a outros para que oficiasen por el. Chamábase D. Simón Antonio de Lago, nacera o 28 de outubro de 1729 na cidade de Santiago, e era fillo de D. Manuel Antonio de Lago e Dª Ana María López de Neira, quizais burgueses composteláns adicados ó comercio. Tiña D. Simón unha irmán chamada Nicolasa casada con outro comerciante de Santiago chamado Simón Piñeiro, que pasaban tempadas vivindo con el na rectoral de Ortoño co seu fillo Benito Piñeiro. Este Benito, na década de 1770 foi ordenado de prima tonsura, quizais ca intención de promocionalo seu tío como o seu sucesor de párroco en Ortoño. Pero estes plans non saíron ben, ou a familia cambiou o rumbo de Benito ante a posibilidade de non ter máis descendencia esta familia. Desta forma na década dos 80 Benito contrae matrimonio en Pontevedra con Dª María Cayetana Fernández Cordero, filla de D Ambrosio Fernández Bueno e Dª Francisca Cordero, membros da clase máis acomodada da cidade do Lérez. E moi acomodada tiña que ser porque dispoñía de boa amizade con membros da aristocracia pontevedresa como era a familia dos Gago e Romero de Leis, que a sazón eran os marqueses de Leis, e que por herdanza tiñan moitos bens en Ortoño, principalmente en Bertamiráns. Deste xeito o sobriño do cura de Ortoño puido facer casa en Ortoño, concretamente no agro da murada da fora en Bertamiráns, seguramente por unha renda moi pequena, chegando ata hoxe como o pazo da Peregrina.
D. Simón Antonio de Lago morreu en 1797, despois de 38 anos de ministerio o cargo da parroquia. Fixo algunhas obras no cruceiro da igrexa, e tamén na casa parroquial, concretamente a balconada e o palomar.